A horta

É unha horta familiar, onde facemos diferentes cultivos, dependendo da época do ano.

No inverno fertilizamos e incorporamos o compost, a borralla e o cal magnésico, logo pasamos a fresa do tractor. Deste xeito queda a terra preparada para facer a sementeira de patacas, allos, chícharos, cenorias, leituga, repolo, amorodos etc.

Nesta época, resgardados do frío fago os sementeiros de tomates e pementos. Coas sementes que recollín no verán as cales teño gardadas en tarros de cristal.

Na primavera plantamos tomates, pementos morróns, pementos de Padrón e sementamos fabas, remolacha vermella, azafrán bastardo, soia, xudías, cabaciñas, cabaza, xirasoles, esponxa vexetal, leituga, etc.

No verán sementamos coles, nabicol, espinacas, leituga, escarola, brócoli, repolo, coliflor, etc.

O verán é a época de recoller os froitos, os pementos de Padrón: un día si outro non, os pementos morróns. Tamén hai que recoller os tomates cando estean maduros. En canto ao azafrán hai que quitarlles os estames ás flores tódolos días, mentres os voten. Temos que estar sempre pendentes para que os froitos non maduren demasiado. Todos axudamos un pouco coa recollida dos xirasoles, para logo facer o secado das pipas e o torrado.

No outono plantamos coles, nabizas, nabicol, repolo, etc. Nesta época recollemos as cabazas e as esponxas.

 Para evitar as malas herbas fago un acolchado de herba seca e tamén utilizo a malla, pois hai ben delas e temos que loitar mediante métodos ecolóxicos.

Entre os cultivos teño diferentes herbas aromáticas: alfábega, (albahaca) herba boa, menta, caléndula, tomiño, romeu, ruda... Axudan a previr pragas e enfermidades e atraen aos insectos polinizadores, tan necesarios para a frutificación das hortalizas. Serven para preparar infusións medicinais e aderezos para os guisos.

Algúns animais poden ser aliados da nosa horta, pois ao seren depredadores de pragas, non son daniños para as nosas hortalizas. Un bo exemplo é a voracidade das xoaniñas polos pulgóns.

Tamén me gusta ter flores, temos dalias, tagetes amarelos, plantas de liño, chicoria e o que máis me gusta son os xirasoles, este ano están moi fermosos.

Ver Horta Galega nun mapa máis grande

Comenta grazas: