O compost

Utilizo uns recipientes de plástico, para compostar os residuos da cociña e residuos vexetais do xardín.

Utilizo uns recipientes de plástico, para compostar os residuos da cociña e residuos vexetais do xardín.

O compost, como produto da compostaxe, é  un material estable, hixiénico e semellante ao humus do bosque que se pode empregar como abono natural, en substitución dos fertilizantes químicos. Apórtase á terra para mellorar as súas propiedades. Agregar compost ao chan considérase a forma natural de fertilizalo e reconstruír a súa calidade.

A compostaxe pode facerse nunha ampla pila de residuos, é a técnica máis coñecida, máis polo xeral resulta práctico empregar un composteiro, que pode ser de madeira, de metal, de ladrillo, de malla metálica de plástico, etc.

A localización máis axeitada será nun lugar sombreado, de fácil acceso e cunha boa drenaxe, pois o material ha de manterse quente, húmido e osixenado. O composteiro é preferíbel colocalo directamente sobre o chan e non sobre cemento, para permitir o paso aos organismos encargados de degradar o material orgánico ( bacterias, fungos, miñocas, etc.). sería de interese poñer primeiro sobre o terreo ramas e restos de poda ou toxos picados.

Tamén pode estar baixo unha árbore de folla caduca, quedando protexido do sol en verán e recibindo en inverno a calor do sol.

COMO FACER COMPOST

O primeiro é apiñar restos de poda, toxos picados e outro tipo de vexetación ata unha altura de 10-15cm a modo de “cama” para o resto dos residuos.

Para activar o proceso da compostaxe, e que esta comece  canto antes, pódese engadir esterco ou unha pouca de cal.

Unha vez feita a “cama” con restos de poda ou toxos picados, iranse engadindo os residuos da cociña xunto cos residuos do xardín e da horta.

O mellor é engadir un cubo e medio ou dous de residuos de xardín por cada cubo de residuos de cociña que botemos. Pero o seu aporte dependerá tamén da súa dispoñibilidade. No verán haberá máis restos de verdura e froita, ricos en nitróxeno, e no outono predominarán as follas secas, follaxe a anacos da poda.

Durante o proceso da compostaxe debido a acción dos microorganismos, pode aumentar a temperatura da pila de residuos, pode chegar a acadar os 60ºC. Isto é positivo.

Para favorecer o proceso e manter a aireación, é conveniente remexer de vez en cando ( unha ou dúas veces á semana), mais abonda con remexer só a parte superior.

Tamén hai que humedecelo cando se perciba que estea seco (deberá estar coma unha esponxa escorrida). O ideal é que o material fique húmido pero non empapado.

Unha vez que o composteiro estea cheo, procederemos a retira parte do compost pola parte inferior. Se non é o momento de facer uso dese compost, podemos deixalo madurar ao lado do composteiro, nunha pequena morea cuberta con restos do xardín.

O compost pode estar maduro despois de 5 meses aproximadamente. Un compost maduro ten as seguintes características:

  • Olor e aspecto de terra de bosque.
  • Material final homoxéneo.
  • Cor escuro (negro ou marrón escuro).

Nos usos da horta, o compost pódese empregar fresco ou pouco maduro, xa que non ten contraindicacións e o seu poder fertilizante é incluso superior.

QUE MATERIAIS BOTAR AO COMPOSTEIRO

A finalidade do composteiro é dobre. Por un lado, evitar que a parte máis importante do lixo remate nun vertedeiro e, por outro, conseguir un abono de alta calidade. Por estas razóns é importante que o que botemos no composteiro sexa materia orgánica ben separada, é dicir, que non leve plásticos, nin latas, nin pilas nin ningún outro produto que poida contaminar o abono que imos producir. En canto ao papel, só aquel de uso alimentario, que non conteña tintas, debe ir ao composteiro.

Materiais recomendables: Restos de comida, mondas de patacas, restos de froita e verduras, pousos de café, te, infusións, flores e restos de plantas, restos de podas,de árbores e arbustos triturados, cinzas, serrín, restos de horta, herba do xardín, en pequenas cantidades ( polo seu alto contido en nitróxeno), follas, cáscaras de ovo, algas, palla e toxo, maleza,etc., tendo en conta que canto máis variado sexa o material que compostemos, mellor vai ser o compost.

BENEFICIOS DO COMPOST

Os solos galegos están a perder materia orgánica debido ao abandono da vida rural e as explotacións gandeiras asociadas. Por outra banda, as terras que están tratadas con fertilizantes químicos experimentan ao longo dos anos unha perda en materia orgánica e tamén na súa produtividade.

Mediante o abono con compost contribúese a:

  • Mellora a estrutura do solo e a súa resistencia a erosión.
  •  Achegar os elementos nutritivos precisos para o crecemento das plantas. Ao liberarse pouco a pouco, o seu aporte é continuado.
  • Aumentar a fauna do solo, miñocas sobre todo, que facilitan a aireación.
  • Minguar os efectos negativos dos axentes tóxicos, como pesticidas e metais pesados, ao non ter que empregar fertilizantes químicos.
  • Conservar as turbeiras, ao non ter que empregar a turba como emenda.
  • Contribuír a solucionar a problemática do cambio climático, xa que o compost actúa como sumidoiro de carbono no solo.

Información: Manual de compostaxe doméstica.

Edita: Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia e Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA)

Comenta grazas: